O 4 de outubro de 2009 celebraremos a VI Ruta a Lalín en BTT, unha nova edición con trazado inédito. Como xa sabedes os asiduos a esta marcha, todos os anos buscamos novos camiños e carreiros, tratando de descubrir esquecidas e xenuínas paisaxes e recunchos case ignotos da Comarca.
Neste ano a ruta toma rumbo sueste, buscando as terras de Dozón, tras uns primeiros quilómetros por lalinenses. Unha boa parte dos nobres e enxebres camiños desta ruta transcorren polo veciño concello de Castro-Dozón. Xa o poeta Ramón Cabanillas cantara a estas terras:
...
Terras outas de Dozón!
Terras bravas, montesías,
De menhires e cruceiros
Que soñan baixo os luceiros
Con antergas teoloxías.
E sirven para irnos ambientando nos camiños que esperan. Bos de andar (pedalear) pero esixentes. Será na praza da capital castrexa onde repoñeremos forzas, longo de 25 km e unha prolongada e dura subida. Logo encamiñámonos novamente cara os eidos de Lalín para movernos polas beiras do río Seixas e o seu val. Boa parte desta segunda parte da ruta transcorre por unha das paraxes máis fermosa e enfeitizadora da Comarca do Deza. As derradeiras pedaladas farémolas pola Vía da Prata, o camiño xacobeo do sueste, para xa entrar en Lalín.
Paisaxe, camiños, carballos, carreiros, pedra, auga, pontes ... unha morea de elementos acudirán ao camiño para que insuperables sensacións se acheguen o día da ruta e se graven na nosa mente. Ademais, as propias dificultades da marcha (física alta e técnica media) farán que a xornada perdure no noso corpo.
Queremos agradecer de antemán a vosa participación, desexarvos que gocedes do percorrido e da amabilidade destas terras. Estamos a traballar para ofrecer os servizos habituais (avituallamentos, asistencia mecánica, ambulancia, duchas, lavado de bicis...) así como os merecidos agasallos. Nesta edición o xantar será no pavillón municipal, pretendemos organizar unha comida típica galega (empanada, carne ó caldeiro, postre, pan e bebida), con todos sentados ao carón da confraternidade btteira.
Lembrade que saímos e chegamos desde o estadio M. Anxo Cortizo (o campo de fútbol) e que para poder dar un mellor servizo pechamos a inscrición o día 30 de setembro ou ao cubrir as 300 prazas.
Máis información aquí:
http://www.alambikelalin.com/2009-vi-ruta-lalin-btt/
http://www.foromtb.com/f46/vi-ruta-lalin-en-bicicleta-todo-terreno-508025.html